Tuesday 14 de May de 2024

Efectuado o sorteo de 50 agasallos entre as crianzas acertantes dunha nova edición de As sete Rosalías


Neste 4 de marzo realizouse o sorteo de 50 agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes do xogo-concurso As sete Rosalías. A recompensa consistiu na entrega de cadansúa botella térmica serigrafada.

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal volveu apostar por esta actividade con motivo do Día de Rosalía de Castro, que se conmemora no 23 de febreiro, debido á acollida que tivo o ano pasado, ademais de que constitúe unha maneira de achegarlles ás crianzas a figura da intelectual galega dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico, dirixida, concretamente, ao alumnado dos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Ata alí desprazáronse nesta xornada a edil da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro.

O formato foi o mesmo ca o da anterior edición: consistiu en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que contiñan no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus e puideron participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que contasen cun dos impresos repartidos. As pezas estiveron expostas nos escaparates de diversos establecementos da localidade dende o día 11 ata o día 25 de febreiro.

O desafío residía en busca-las 7 versións diferentes da imaxe que ilustraba o cartel que promovía a efeméride e, unha vez atopadas, anotar no folleto cal era esa diferenza e en que instalación se situaba. De supera-lo reto, debíanse entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.